Papa Léguas

"Tudo o que se refere ao homem é dotado de contingência"... Vidal de La Blache (geógrafo)

19.5.05

crepúsculo

"Que non me oculte a mesta páxina de bruma
que paso agora para entrar nos capítulos doentes,
e a hedra das miñas brazadas me permita nadar en seco,
e as silvas do mar aplaquen a súa furia de crepúsculo.


Que poida seguir sendo, con el, soedade na terra,
auga inmensa con lindes de pálpebras pechadas,
ouvido dun errante corazón atónito que me busque
nas miñas levaduras, no candente ecuador do seu crepúsculo.


A hora avanza, e ninguén quere verse en voo rasante,
ninguén quere quebrarse como anduriña,
sentir máis dor que a súa, máis desgracia que a que se colma
nos vellos alxibes da súa alma en crepúsculo.


Ninguén sospeita que na alzada dun soño ousado
van tamén deseñadas a ruína e a maleza,
que está a mirar, inerte, p'ra a extinción do que se prolonga
-asno, fareiro-, do que se espella no crepúsculo.


Soño diurno, avenidas, motores que abrouxan, esa
solemne deflagración dun paxaro mecánico
non pesan tanto como o brillo nos ollos do animal,
os lampos do sacrificio, o seu berro contra o crepúsculo.


E tempo de acabar canto antes, de non prolongar
esta historia tediosa de especie que non descansa,
estas herbas que se devoran no seu propio pracer,
este vento ansioso que tingue as árbores de crepúsculo.


Que non me oculte, que non me oculte unha voz tan alta,
tan irrisoria. Calarei
na neve do que dorme, no fulgor
que verte dun vaso loiro, espumante,
nas sucias terrazas adolescentes
que a noite afaga."

Xavier Rodríguez Baixeras, in "Nadador", ed. Espiral Maior, 1995